Indignación en Moraña por decretar o mesmo loito por agresor e vítima do crime de Campo Lameiro
O Concello de Moraña decretou tres días de loito oficial pola morte de José Ramón G.C e de Marisol C. P., as dúas persoas que apareceron calcinadas en Campo Lameiro no que os investigadores tratan como un crime machista. As bandeiras ondearán a media hasta e suspenderanse todos os actos públicos durante estas tres xornadas, en sinal de dó "polos dous veciños desaparecidos", a cuxos familiares o goberno municipal mostran as súas "condolencias". Esta equiparación de vítima e agresor, ambos os dous residentes en Moraña, desatou unha onda de críticas entre as asociacións feministas, ás que sumou a oposición municipal. Incluír ao maltratador coa súa vítima é, para o Colectivo Feminista As Moiras, é "tremendamente indignante" e supón un "retroceso incalculable" no avance de toda a sociedade contra a violencia machista. Entenden que "non se pode ignorar" que Marisol C. P. figuraba no sistema VioGén con risco alto e tiña unha orde de afastamento vixente nin que o agresor contaba cun amplo historial de antecedentes por violencia de xénero. "As institucións públicas non poden invisibilizar desta maneira ás vítimas, cando deberían ser as garantes e o principal motor para a eliminación da violencia machista", subliñan desde As Moiras, unha asociación radicada no propio municipio de Moraña. Tras pedir ao Concello que "reflexione e rectifique canto antes", As Moiras esixen aos poderes públicos que se tomen "dunha vez por todas" a violencia machista como unha "prioridade política absoluta" impulsando medidas "serias, reais e efectivas". Afirman que "non serven as declaracións baleiras un día ao ano nin os lazos lilas mentres non se teña un compromiso total e real na loita contra esta violencia estrutural". Desde o BNG, pola súa banda, coinciden en cualificar como "indignante e profundamente inapropiado" que se equipare o respecto cara a unha muller maltratada co seu "maltratador sistemático", poñendo a agresor e vítima "no mesmo nivel". "É unha mensaxe absolutamente errónea e perigosa á sociedade", denuncian os nacionalistas, co que "se pretende invisibilizar á verdadeira vítima". As institucións, segundo o BNG, "deben estar sempre coas vítimas" xa que equipalas co seu maltratador é un "grave paso atrás" e lanzar mensaxes conxuntas de condolencia é un comportamento "intolerable, indignante, insoportable e inxusto".